Na anterior reportaxe publicada en Enfoques.gal analizamos todos os elementos importantes do Entroido galego, unha das celebracións máis senlleiras da nosa terra. Naquel repaso fixemos fincapé nas orixes, no calendario, na máscara e no meco, no sermón ou testamento, na comida e mesmo na música e na danza.
É por iso que hoxe toca dicirlle adeus á teoría e viaxarmos ata unha localidade concreta: Laza. O Entroido de Laza é unha das tres festividades máis relevantes na Galicia e forma parte do chamado Triángulo Máxico do Entroido (Verín, Laza e Xinzo). Mais, sen desmerecermos ningún outro entroido, Laza pode presumir de levar a mellor fama: disque é o máis enxebre, puro e auténtico. A súa marabillosa máscara, a do peliqueiro, forma parte do imaxinario colectivo de todos os galegos. Nunca esquecerei a miña primeira vez diante dun peliqueiro, tres anos atrás, nun Domingo de estrea post-pandemia, ben solleiro e non moi ateigado de xente.
«Ves ós nenos pequeniños / correndo polos lameiros / porque xa dende a barriga / soñan con ser peliqueiros.»
Fragmento do testamento do burro de 1996 en Laza






Aínda que o Entroido de Laza está cheo de elementos interesantísimos dos que cumpriría falar devagar (como o reparto da bica, a farrapada, a Morena ou o testamento do burro, por citarmos algúns), nesta reportaxe ímonos centrar no seu personaxe enmascarado, esa figura de cínico sorriso, maxestosamente vestida e que rezuma dignidade coa súa mera presencia.
O peliqueiro é a máscara do Entroido de Laza e, daquela, a figura máis senlleira. Todo nel é especial, da cabeza ata os pés. Porque o traxe do peliqueiro non escatima en detalles. E tremendamente custoso e 100% artesanal. Principalmente está conformado por:
- A máscara. Pesa aproximadamente 1,5 quilos. Está feita en madeira, cortada en media lúa, e sobresáelle o nariz. Nela píntanse cellas, pestanas, meixelas, bigotes e unha boca entreaberta, mostrando os dentes. Engádeselle tamén unha barba feita con pel de lebre. Por riba vai unha mitra, feita de lata e pintada con motivos animais, vexetais ou astrais. De cada lado colgaranse dous pondóns, en cor verde ou vermella. Na parte posterior é moi singular a pelica de animal salvaxe, da que colga un rabo polas costas, e, desde arriba, penachos de rabo de cabalo.
- A roupa. O peliqueiro luce camisa branca e unha gravata preferiblemente vermella. A chaqueta é curta e leva galóns e decoración dourada, ademais de charretas e flocos nos ombreiros, ao estilo militar. A chaqueta péchase por diante con fitas e lazadas de diferentes cores. Un pano vai suxeito á chaqueta con alfaias, colgándolle polas costas o pico. O calzón é unha verdadeira xoia de artesanía: confecciónase en liño e leva varias rondas sobrepostas con flocos brancos. A maiores leva borlas de cores nos laterais e encaixes verdes e vermellos.
- Os accesorios. O peliqueiro cubre a perna con medias brancas, suxeitas con ligas debaixo dos xeonllos. Os zapatos han de ser baixos e de cor negra. Na cintura unha faixa de cores vivas protexe dos golpes das chocas, que van suxeitas a un cinto. Por ultimo, o peliqueiro leva na man unha zamarra, é dicir, un látego formado por dúas pezas: a mangueira e a correa en pel.
Se vas visitar Laza estes días, lembra que o comportamento do peliqueiro tamén forma parte da súa identidade. É unha figura de autoridade que ha de ser respectada, aínda que o Entroido sexa unha festa de risa, batalla e algarabía. O peliqueiro non fala e tan só quita a máscara para coller folgos e repor forzas. Corre pola rúa cunha marcha característica que fai soar ás chocas. E zurraralle co látego a quen se cruce no seu camiño!
Escribindo estas liñas medrou (aínda máis!) a emoción que sinto por volver a Laza este ano. Os días previos sonche de moitos nervios… Vémonos na Picota?
«Catro cousas hai en Laza / non as hai en toda a terra: / peliqueiros, maragatos / as formigas e a Morena»
Cancionero popular
A máscara











O debuxo


A pelica


A chaqueta





A garabata


O mantón



O pantalón



As medias


As chocas

