Os concellos das comarcas de Ferrolterra xa están preparando as súas particulares homenaxes á poetisa e nai do rexurdimento galego, Rosalía de Castro, para celebrar a vindeira semana o aniversario do seu nacemento e descubrir ou revisar algunha das súas múltiples facetas.
Seguindo a proposta da Fundación Rosalía de Castro, o Concello de Moeche distribuirá manteis de papel e volantinas conmemorativas do Día de Rosalía nos restaurantes do municipio, no mercado e no comedor do CEIP San Ramón. Ademais tamén se convida á veciñanza a sumarse á celebración impulsada pola fundación rosaliana preparando o caldo de gloria na casa -seguindo a receita do poema recollida polo gastrónomo Picadillo-, lendo poemas da escritora e compartindo todos eses xestos nas redes sociais cos cancelos #CaldodeGloria #DíadeRosalía.
O sábado seguinte, día 29 de febreiro, a antiga nave dos tecidos tamén acollerá ás 11.30 horas o acto organizado polo Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche, quen aproveita a ocasión e a figura de Rosalía para seguir traballando na reivindicación dos dereitos das persoas falantes de linguas minorizadas. Logo levarán a cabo a experiencia “Falando coas nosas maiores”, coa que pretenden estudar e coñecer as diferenzas xeracionais á hora de se relacionar co galego.
O Concello de Cabanas súmase á celebración do Día de Rosalía cunha actividade orientada ao público infantil e xuvenil. Trátase do espectáculo “A Estrela de Rosalía”, que chega da man de Marisa Irimia e que combina actividades de poesía e narración para pór en valor a figura de Rosalía de Castro, como referente cultural de Galiza e adaíl do feminismo e a loita social. A actividade terá lugar este venres, 21 de febreiro, ás 18.00h no Salón de Plenos, con acceso gratuíto.
Pola súa banda, a área de cultura de San Sadurniño puxo en marcha entre a veciñanza a creación dun mosaico en tributo a Rosalía na galería da propia casa consistorial, que ya recolle más de vinte obras e creacións plásticas dos veciños do concello.
Ademais o sábado 29 de febreiro, día no que pechará o mes de Rosalía, haberá varias actividades na Casa da Xuventude e na Casa da Cultura. A primeira desas actividades será un obradoiro de rap que utilizará como base os versos rosalianos. Trátase dun taller aberto a calquera idade que se desenvolverá na Casa da Xuventude entre as 16.45 e as 18.45 horas. Ofértanse 25 prazas que se irán cubrindo por orde de solicitude a través do correo [email protected] ou do teléfono 616 332 919.
A partir das 19.00 horas na Casa da Cultura celebrarase un pequeno acto de clausura do mes de Rosalía que comezará coa proxección da curtametraxe “Negra sombra”, producida polo artista dixital Pablo Millán para o 3º Chanfaina Lab. O evento -con entrada libre- estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e contará ademais coa lectura colectiva de varios poemas e coas actuacións da Escola municipal de pandeireta e do Coro de cantos de taberna que botou a andar hai algúns meses en San Sadurniño.
Durante a sesión tamén se sorteará a lámina que ilustra a exposición da galería municipal, obra do artista gráfico Juanlu Nacha. No sorteo entrarán todas as persoas que participasen na mostra achegando as súas creacións.
Discussion about this post