A Consellería do Mar pide axuda ao Goberno central para mellorar o estado produtivo da ría de Ferrol

Rosa Quintana solcitou información sobre as conclusións do estudo técnico e biolóxico da ría que encargou en 2018
13443197_629858737169994_7872878967388163576_o

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enviou o pasado venres unha carta á subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, na que lle traslada a necesidade de sumar apoios doutras administracións para solucionar o problema de falla de produtividade da ría de Ferrol e lle solicita a súa colaboración. A titular de Mar lembrou á representante do Goberno que moitos dos aspectos que inflúen neste asunto están baixo competencias diseminadas en distintas administracións, polo que considera necesario «sumar a colaboración do Goberno central ao compromiso xa obtido por parte das entidades locais».

Precisamente, o envío desta misiva produciuse xusto un día despois de que a conselleira mantivese unha xuntanza cos representantes das confrarías da ría de Ferrol, onde Rosa Quintana recolleu as súas demandas e peticións urxentes, entre as que se encontraba a solicitude dun paro biolóxico.

A conselleira do Mar pídelle ao Goberno do Estado que facilite as conclusións do estudo  técnico e biolóxico da ría realizado en 2018 coa participación do Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) na súa elaboración. Rosa Quintana, considera que este informe pode axudar na determinación das medidas e na adopción de iniciativas en favor do sector marítimo-pesqueiro da ría de Ferrol.

A titular de Mar confía en que a colaboración entre todas as institucións implicadas e o sector afectado «contribuirá a avanzar na mellora do estado da ría de Ferrol e redunde no beneficio dos profesionais do sector marisqueiro que dependen dos recursos extraídos dos seus bancos».

Relacionadas