O Concello das Pontes reabrirá o mercado dos sábados, dedicado á venda de produtos do sector primario, o vindeiro sábado, 16 de maio. Co obxectivo de cumprir con todas as medidas sanitarias, o grupo de goberno decidiu cambiar a ubicación do mercado dos sábados, que pasará a celebrarse na carpa situada no patio do Colexio Santa María.
A nova ubicación, explicaron desde o goberno local, permitirá “establecer un aforo limitado, tanto para o número de postos como para as persoas que acudan a mercar, garantindo ademais unha vía de tránsito de 6 metros entre postos e unha separación mínima de 4 metros entre os laterais, tal e como establece a orde autonómica”
Axentes da Policía Local así como membros de Protección Civil serán os encargados de velar polo cumprimento das normas durante toda a celebración do mercado para garantir que se respecta a distancia mínima persoal, regulando, no caso de ser preciso, a entra ao patio do colexio Santa María para evitar aglomeracións.
Por outra banda, o Concello instalará paneis informativos e sinalización para garantir o distanciamento social e porá a disposición dos vendedores e vendedoras da mascarillas así como xel hidroalcólico, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias, para vendedores e clientes.
Discussion about this post