O Concello das Pontes vén de rematar as principais obras de reparación da ponte sobre o río Chamoselo, na Pedrafita, na parroquia do Aparral. A actuación permitiu recuperar unha conexión viaria que sufrira importantes danos como consecuencia das fortes precipitacións rexistradas nos últimos dous anos.
Os traballos supuxeron un investimento de 96.110 euros e permitiron reconstruír por completo a infraestrutura, ademais de reforzar a estabilidade da estrada e mellorar as condicións de circulación neste punto.
Unha nova ponte de formigón
O incremento do caudal do río provocara o colapso da antiga ponte e dos muros de escollera que protexían a estrada, o que acabou provocando o afundimento do firme e fixo necesaria unha intervención integral.
Para recuperar a conexión, a estrutura anterior foi demolida e substituída por unha nova ponte de formigón armado executada in situ, con seis metros de luz libre e outros seis metros de ancho.
A nova infraestrutura está asentada sobre novos muros de escollera, deseñados para reforzar a estabilidade da ponte e ofrecer unha maior protección fronte á acción da auga.
Tamén se renovou o firme da estrada
A intervención non se limitou á ponte. Os traballos incluíron tamén a reposición do firme nun tramo duns 50 metros de estrada, co obxectivo de mellorar a circulación e garantir a durabilidade da vía.
As obras foron executadas pola empresa GONNABA Construcciones y Reformas S.L. e atópanse xa na súa fase final. Nos próximos días completaranse os últimos traballos de remate coa instalación das biondas de seguridade, tras o que a actuación quedará totalmente finalizada.
A recuperación desta infraestrutura permitirá restablecer con normalidade unha conexión viaria afectada polos danos provocados polos episodios de fortes precipitacións dos últimos anos.