As Pontes renovará os camiños de Sexe e Pumar-Fragachá para mellorar a circulación nas zonas rurais

A actuación, financiada por AGADER con 120.413 euros, permitirá renovar preto de dous quilómetros de firme e reforzar a seguridade viaria nestas vías municipais
Imaxe dun dos camiños nos que se levarán a cabo as actuacións de mellora | Concello das Pontes
Imaxe dun dos camiños nos que se levarán a cabo as actuacións de mellora | Concello das Pontes

O Concello das Pontes acometerá a mellora de dous camiños municipais nas parroquias de San Pedro de Eume e O Aparral, unha actuación destinada a facilitar os desprazamentos diarios da veciñanza e mellorar as comunicacións nos núcleos rurais.

O proxecto conta cun orzamento de 120.413,15 euros, financiado por AGADER ao abeiro do Plan Mellora de Camiños Rurais 2026-2027, e incluirá a renovación dos firmes, traballos de limpeza e acondicionamento e a mellora da sinalización.

Renovación do camiño de Pumar-Fragachá

No vial municipal de Pumar-Fragachá actuarase sobre catro tramos que, en conxunto, alcanzan os 1.366 metros de lonxitude.

Os traballos permitirán reparar as fochancas e zonas afundidas, corrixir as deformacións existentes e renovar a capa de rodadura coa colocación e compactación dunha nova capa de cinco centímetros de formigón bituminoso.

A intervención completarase coa limpeza das marxes e das cunetas, a retirada da vexetación que invade a plataforma e o varrido da superficie. Tamén se realizará o fresado do firme nos puntos nos que sexa necesario para garantir unha correcta conexión cos tramos xa executados.

Máis de 600 metros no camiño de Sexe

No camiño municipal de Sexe, que conta cunha lonxitude aproximada de 624 metros, renovarase o firme do vial que comunica as inmediacións da súa intersección coa AC-861 co núcleo de Sexe.

As obras incluirán tamén a reparación das zonas deterioradas e a colocación dunha nova capa de rodadura de cinco centímetros, ademais da limpeza das marxes e das cunetas e da retirada da vexetación.

Máis seguridade para os desprazamentos

Ademais da renovación dos firmes, o proxecto contempla actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria nos dous camiños, coa renovación da sinalización horizontal e vertical.

Nas dúas vías executaranse marcas viarias de 10 centímetros de ancho nas marxes e instalaranse os elementos de sinalización necesarios nas interseccións.

En conxunto, as obras permitirán mellorar as condicións de circulación, prolongar a vida útil dos camiños e evitar a súa progresiva deterioración, facilitando os desprazamentos da veciñanza e reforzando a conexión das zonas rurais co resto do municipio.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.