A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, e a titular de Traballo, Yolanda Díaz, asinaron un acordo que consolida as bases dos convenios de transición xusta con representantes das empresas propietarias das centrais de carbón en proceso de peche, como Endesa, e os sindicatos CCOO e UXT.
O pacto supón un balón de osíxeno para a central térmica de Endesa e o sostemento do emprego na comarca, xa que implica a creación dun marco para o seguimento dos traballadores , a través do Sistema Público de Información dos Servizos Públicos de Emprego ademais de plans de formación específicos e medidas orientadas á recolocación.
As empresas comprométense ao desenvolvemento de plans de acompañamento para as zonas afectadas e traballarán para o mantemento do emprego mediante a recolocación dos postos directos e priorizando a contratación dos traballadores de auxiliares.
O acordo súmase aos protocolos que o Executivo central está a asinar con gobernos autonómicos e concellos vinculados ás centrais térmicas en proceso de peche para realizar convenios de transición, que recollerán os proxectos concretos que se apoiarán en cada zona.
Busca de inversores
Ambos os ministerios comprométense a traballar na procura proactiva de investidores con proxectos que poidan localizarse nas zonas afectadas, tendo sempre en conta as características e as particularidades de cada territorio.
As características de cada zona serán igualmente consideradas á hora de valorar as oportunidades que xurdan en materia de política enerxética.