Estimular o crecemento intelectual dos bebés a través da música

O conservatorio de As Pontes acolle un novo curso sobre aprendizaxe musical para nenos de 0 a 3 anos
atelier-parent-enfant-cloche

Estimular cognitivamente ao nenos máis pequenos a través da música é o obxectivo do curso de Estimulación Musical Temperá do Conservatorio de Música Profesional que convoca o Concello de As Pontes. Unha iniciativa posta en marcha no ano 2022 e na que xa participaron medio cento de familias, dirixido a nenos e nenas de entre cero e tres anos que ten como obxectivo prioritario contribuír, a través da música, ao desenvolvemento intelectual, físico, sensorial e afectivo-emocional dos bebés.

Tania Pardo, concelleira de Educación incide en que “a través deste curso o que pretendemos é introducir os beneficios da aprendizaxe musical en idades temperás contribuíndo, entre outros aspectos, a desenvolver a lingüística, a aprendizaxe de varios idiomas ou a capacidade de abstracción matemática”.

A aula de estimulación musical temperá (EMT) do Conservatorio das Pontes baséase na teoría da aprendizaxe musical do pedagogo norteamericano E. Gordon, para, a través de diferentes actividades, crear as condicións idóneas para que as crianzas, xunto coas súas familias, desenvolvan aptitudes musicais.

En diferentes sesións, cunha duración de 45 minutos e que as crianzas realizan en compañía de persoas adultas da súa familia, trabállanse diferentes áreas do desenvolvemento infantil, motoras, cognitivas, sociais e da linguaxe orientadas a favorecer a capacidade de atención, a escoita, a concentración ou a imaxinación, para aprender a seguir o ritmo, lograr cantar en grupo ou crear unha melodía.

O curso inclúe actividades como saúdos e despedidas para inculcar a rutina a través destes rituais sociais que lles axudará a comprender cando comeza e cando acaba unha clase. Cancións para dramatizar que lles facilitará a aprendizaxe das cancións a través da xesticulación.

O movemento será outro dos piares das clases xa que lles axuda a coñecer mellor a contorna, ensínalles a situarse, o pulso da música ou a socialización co resto de alumnado e familias do grupo, aprendendo a canalizar e transformar as súas emocións, empregar a imaxinación e explorar a súa creatividade.

Tania Pardo subliña que “esta nova edición do curso de Estimulación Musical Temperá ofrece unha oportunidade ás familias do municipio para reforzar os vínculos cos seus fillos e favorecer os estímulos e a capacidade intelectual, xa que, canto máis se exerciten, máis positivamente influirá no seu desenvolvemento”

As persoas interesadas en matricularse neste curso poderán facelo, ata o 17 de xuño, na sede electrónica municipal do Concello das Pontes.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.