O Concello de Cabanas está a preparar o reparto de material de protección fronte ao coronavirus entre a súa poboación, unha medida que nunha primeira fase estará centrada en asistir á poboación de risco, á espera de ver como evoluciona a pandemia para decidir se se amplía á totalidade da poboación.
Esta nova medida enmárcase dentro da estratexia posta en marcha polo executivo local para facer fronte ás consecuencias do COVID-19, que tamén inclúe propostas de índole máis económica, como a devolución das cotas das actividades, a exención das cotas do PAI ou das terrazas e outras bonificacións que se están a estudar en conxunto co resto de concellos que forman parte da Mancomunidade de Ferrol.
Desde o Concello de Cabanas lémbrase tamén a existencia dunha partida destinada a Emerxencia Social, que foi ampliada polo executivo actual nos Orzamentos de 2020, coa que se fará fronte a todas as necesidades derivadas da crise económica provocada nas familias pola paralización das actividades por mor do estado de alerta.
Dende o executivo local recordar que manteñen en marcha outras medidas de carácter social como o servizo de tarefas e deberes para o alumno, un servizo de asistencia a domicilio para facer a compra de alimentos ou medicinas e leva a cabo tarefas de desinfección diaria nas inmediacións dos locais que permanecen abertos (supermercados, farmacia, panaderías, …) e no mobiliario urbano, co fin de previr a propagación do virus.
Ademáis, puxo en marcha varias campañas de ocio e entretemento nas redes sociais, con manualidades e actuacións teatrais e, en colaboración coa Policía Local e Protección Civil, súmase á celebración dos cumpreanos dos máis pequenos, achegándose coas sereas aos seus domicilios para felicitalos.