Estamos a comezos de lexislatura. Cales son os proxectos principais para o Concello nos próximos anos?
Destacaría o novo pavillón municipal e o novo auditorio, dous proxectos incluidos no noso programa electoral. Tamén habilitaremos e ampliaremos novas zonas de aparcadoiro preto do casco histórico e nos cemiterios das parroquias. Faremos sendas en diferentes estradas en Ombre, Centroña e Campolongo, e continuaremos co noso plan de mellora integral das infraestruturas e os servizos básicos, tanto no centro como nas parroquias.
Un dos grandes retos é o demográfico. Que medidas se poden tomar desde os concellos para aumentar a poboación?
Desde hai catro anos traballamos por un Concello máis habitable, mellorando a prestación de servizos básicos e as comunicacións para que desta forma as familias teñan unhas boas condicións de vida, á marxe doutras medidas que estamos a concretar.
Considera que os concellos asumen competencias que deberían asumir a Xunta ou o Gobierno central?
Si, é unha situación inxusta e que vai a máis, trasladando aos concellos competencias impropias sen que aumente a consignación económica para o seu desenvolvemento, o que minora a capacidade dos concellos para afrontar outros investimentos.
Necesitan os concellos outro modelo de financiación, ter unha maior autonomía económica?
Si, e poño como exemplo o Plan Único da Deputación, que reparte os fondos con criterios obxectivos e dando autonomía aos concellos, que son maiores de idade para decidir en que invisten. Temos que erradicar as subvencións finalistas que favorecen a un partido político determinado, non á cidadanía.
Xa falando desde un punto de vista comarcal, como é a relación cos outros concellos do Eume?
A relación é excelente, antes e agora. Ademais, dase a circunstancia de que neste mandato municipal hai cinco alcaldes socialistas na comarca do Eume. Estamos xuntos na defensa dos intereses comúns para os nosos concellos.
Deberían compartir máis servizos entre os concellos da comarca? Sería posible unha maior colaboración?
Hai algúns máis que poderiamos compartir, como o socorrismo, a limpeza ou a recollida de lixo, aínda que non creo nas mancomunidades.
Discussion about this post