A área sanitaria de Ferrol foi quen de manter en torno aos 340 contaxiados o número total de casos nas comarcas durante os últimos sete días. A variación dende o pasado luns ata agora é de apenas seis novos casos o que representa un incremento dun 1,5%. Unhas cifras bastante esperanzadoras se temos en conta que o número de falecementos (22) -un cada dous días- mantense por debaixo da media galega e que as altas aumentan tamén cada semana. Son xa 67 as persoas que saíron do hospital tras superar os síntomas máis agravados do virus.
Actualmente, das 344 persoas diagnosticadas como positivas, 312 están nos seus domicilios e o resto, 32 ingresadas nos hospitais comarcais de Ferrol. Só 7 -o número máis baixo dende mediados de marzo- atópanse nas UCI.
Parte do éxito da contención do virus vén da amplo control que se está realizando. Son xa máis de 5.600 tests os realizados nos últimos 30 días, máis de cen ao día. Isto inclúe os test realizados no Arquitecto Marcide, que son os que teñen máis prioridade, os realizados dende o coche no punto fixo do Novoa Santos e os que se fan a domicilio. Ademáis, a pasada semana, a Sergas ampliou o laboratorio de microbioloxía que se encarga de analizar estes test, polo que se están a obter máis resultados e de forma máis rápida.