A Plataforma pola Remunicipalización continúa a desenvolver a súa campaña contra o cobro dos recibos de Emafesa con cactos públicos, mesas informativas, intervencións nos plenos, recursos e queixas que pretende catalizar nunha concentración veciñal, o último xoves deste mes, o 26 de marzo, coincidindo co Pleno Ordinario. Será na parte traseira do Pazo Municipal do Concello de Ferrol, na rúa María, desde as 18.30 horas.
Ademáis, o mércores e o xoves están convocados dous actos públicos. O día 11 as 7 da tarde no Centro Cívico de Canido e o día 12 ás 19.00 horas no salón de actos de CIPF Ferrolterra, en Recimil.
Dende a plataforma recordan que “son 7.129.145,59 euros que se lle pasan a cobro a máis de 30.000 fogares, por parte de Emafesa, por resolución do Concello de Ferrol, en concepto de taxa de depuración de augas residuais, por un período de 31 meses (desde setembro de 2014 a marzo de 2017) onde non se prestou o servizo.”
“Con estas facturas estanse cargando os custes da reparación, arranque, posta en marcha e período de probas do sistema de saneamento, depuración e interceptación, só a unha parte da veciñanza de Ferrol. Unhas infraestruturas que son de carácter supramunicipal que benefician por igual tanto a toda a veciñanza de Ferrol, como á de Narón, como nun futuro á de Neda”, recordan dende a entidade.
A Plataforma considera que se trata dun “acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva” Creen que en todo caso deberían ser os concellos de Ferrol e Narón, a Xunta de Galicia e a administración central quen, con recursos propios, fixeran fronte á cobertura do custe real dese período de reparación, posta en marcha e probas, “nunca a veciñanza á que non se lle prestou o servizo”, denuncian.
Discussion about this post