Ares contará con dos novos espazos nos que se poderán desfrutar das rutas inscritas no proxecto “Ares Descobre”, uns percorridos que se basean na cultura mariñeira local e que pronto estarán dispoñibles para consulta no perfil municipal de Wikiloc, a plataforma de rutas xeorreferenciadas ao aire libre. Para configurar os percorridos, levouse a cabo un traballo de campo, documentación e identificación dos puntos de interese de cada itinerario, un proceso previo fundamental e no que se incluíu á veciñanza para extraer a información relacionada co eido cultural e paisaxístico. Dese proceso previo resultaron dous itinerarios, abertos a calquera persoa que a pé ou en BTT poida facelos co apoio de documentación en formato online:
O primeiro percorrido deseñarase pola contorna de Redes cunha distancia de 5,5 quilómetros e unha dificultade baixa, co foco posto sobre todo en contar cun paseo agradable que se poida facer en menos de 3 horas, mais apostando pola máxima de que visitar Redes sexa máis que coñecer o seu atractivo estético. O pasado sempre asociado ó mar porase en relación cunha visión de futuro da organización do territorio de Caamouco. O segundo itinerario transcorrerá polas ribeiras de Cervás e Chanteiro, asociándose á memoria mariñeira da área. Terá unha distancia próxima aos 6 quilómetros, tamén accesible a un perfil de camiñante medio, e empregará os sendeiros da costa aresán para debullar o patrimonio inmaterial e popular da ribeira.
De feito, moitos dos puntos que se identificaron coma ítems de interese nas ribeiras foron lugares directamente vencellados coa pesca e as relacións persoais dos aresáns. Alí, nas ribeiras, transmitíase o coñecemento de avós a país, de país a fillos, sobre os cantís ou as especies marinas da zona, mais tamén eran os lugares onde se producían os primeiros contactos co mar. Os recordos de enredar coas rochas, nadar nas pozas, saltar ao mar e coller ourizos ou polbos perviven aínda sobre o territorio e revalorízanse no segundo percorrido tematizado.
Discussion about this post