O castro do Sarridal, considerado un dos xacementos arqueolóxicos máis relevantes do noroeste peninsular, contará proximamente cunha nova infraestrutura destinada a compatibilizar a súa conservación co tránsito de visitantes. A Deputación da Coruña concedeu ao Concello de Cedeira unha axuda de 33.837 euros para a construción dunha pasarela de madeira sobre o camiño que atravesa a contorna do enclave arqueolóxico.
Un paso elevado para protexer os restos
A actuación, valorada en 42.295,64 euros, permitirá salvar unha zona baixo a que se localizan vestixios xa escavados, evitando que o tránsito peonil poida afectar tanto á súa conservación como a futuras investigacións. O Concello asumirá os 8.459,64 euros restantes do orzamento.

A futura pasarela dará continuidade ao percorrido que conduce ata a cala das Sonreiras e o castelo da Concepción, dous dos espazos máis visitados da costa cedeiresa. Ademais de protexer os restos arqueolóxicos, a estrutura foi deseñada para mantelos á vista, facilitando a súa contemplación por parte de veciñanza e visitantes.
A axuda forma parte do programa provincial para actuacións de protección especial do patrimonio cultural. Nesta convocatoria presentáronse 48 proxectos de toda a provincia, dos que finalmente foron seleccionados 24.
Unha nova campaña arqueolóxica
Paralelamente á tramitación das obras, o xacemento volverá ser escenario dunha nova campaña arqueolóxica financiada polo Concello. O equipo de Axa Arqueoloxía prevé intervir nunha superficie de 80 metros cadrados situada entre o paramento exterior da muralla e o muro da sauna castrexa.
Os traballos teñen como obxectivo comprobar a posible existencia de estruturas anexas á fortificación e avanzar no coñecemento do sistema de canalización da auga vinculado á sauna, un dos elementos máis singulares descubertos ata o momento no castro.
Oito anos de escavacións
As campañas desenvolvidas durante os últimos oito anos converteron o Sarridal nun referente para o estudo da cultura castrexa e da posterior ocupación galaico-romana. As investigacións permitiron constatar que o asentamento estivo habitado durante preto de oito séculos, entre os séculos IV antes de Cristo e IV despois de Cristo.
Os sucesivos traballos de escavación e consolidación tamén sacaron á luz estruturas e materiais de grande valor patrimonial, reforzando a importancia científica dun enclave que continúa ofrecendo novas pistas sobre a historia antiga da comarca.
