O Concello de Cedeira saca a licitación a obra que transformará o castelo da Concepción no centro de interpretación do xacemento do Sarridal, unha actuación cofinanciada pola Deputación e a administración local que sae a concurso público por un importe de 39.547,64 euros. Esta actuación responde ao convenio asinado o 19 de abril de 2019 polo alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipación, Xesús Manuel Souto Viveiro, e polo que a Deputación achegará o 80% do investimento.
O rexedor municipal valorou a importancia da obra por canto representa “unha considerable mellora dunha construción de especial interese para o conxunto da poboación local, así como a posta en valor das riquezas recuperadas como froito das campañas arqueolóxicas levadas a cabo no Campo do Castro”.
A proximidade do castelo e o xacemento tamén suma á hora de facer o conxunto máis atractivo cara ao sector turístico. O alcalde apunta ao próximo mes de setembro como a data máis probable para inicio duns traballos cuxo prazo de execución é de 30 días. As empresas interesadas dispoñen, a partir de hoxe, de dez días hábiles para a presentación de ofertas.
As obras consistirán na renovación do conxunto da instalación eléctrica, incluído o cambio de farois, a instalación de luces de emerxencia e unha toma de luz para o sistema de audioguías, así como a colocación dun mostrador para recibir aos visitantes e un total de nove vitrinas para mostrar ao público a riqueza arqueolóxica recuperada na zona do Sarridal.
Neste sentido, cabe sinalar que a zona resultou ser de especial interese arqueolóxico por canto deu lugar á localización da quinta pedra formosa atopada en Galicia, así como dunha serie de restos de cerámica, entre outros obxectos, que confirman que na zona existiu un asentamento galaico-romano que se prolongou no tempo.
Discussion about this post