O Servizo Galego de Saúde implantará en todas as áreas sanitarias o novo sistema habilitado para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos e sen que teñan que baixarse dos mesmos. Iso si, as autoridades sanitarias lembran que só se fará este test ás persoas que teñan prescrición facultativa e cita previa.
O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrado na historia clínica electrónica do paciente. Con esta medida, remarca Sanidade, búscase complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que viron como aumenta a súa demanda nos últimos días.
O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos, xa que posibilita que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual ( EPI), xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambialo con cada paciente.
Nun comunicado, a Consellería de Sanidade lembrou, ademais, que os cidadáns deben recorrer ao número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Discussion about this post