Fene ofrecerá á infancia e xuventude un ‘Verán máis alá’

O Concello organiza en xullo e agosto, ademáis deste campus lingüistico, iniciación ao mergullo, caiac e paddle surf e un concurso de fotografía submarina, entre outras actividades
Imaxe de archivo dun neno buceando
Imaxe de archivo dun neno buceando
O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o campus lingüístico e de conciliación ‘Verán máis alá’, que ten aberto estes días o prazo de matriculación. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas.
 
Seguindo a orde cronolóxica, a proposta que comezará é a de Ximnasia de mantemento ao aire libre, coa que a área de Cultura e Deportes convida á veciñanza de calquera idade a facer exercicios suaves cos que tonificar o corpo e mellorar, entre outras, a coordinación, a resistencia, a forza e a flexibilidade. As sesións desenvolveranse na parte traseira do Pavillón da Xunqueira (San Valentín) do 1 de xullo ao 31 de agosto os luns, mércores e venres laborables de 09:30 a 10:30h. Son totalmente gratuítas e non se requirirá inscrición previa.
En relación co deporte ao aire libre, o Concello tamén recupera este ano o Día do Deporte na Rúa, que se estenderá pola avenida de Tarrío, a Rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío na mañá do domingo 3 de xullo entre as 10:30 e as 14:00h. Haberá coches de pedais, inchables, xogos tradicionais,  zumba, pilates, volei, fútbol, baloncesto, malabares… e múltiples obradoiros para toda a familia. Só por participar en tres das actividades propostas levaremos unha das 1.000 camisetas do evento, que nesta edición locen un deseño de Xaquín Marín.

Iniciación ao mergullo

A seguinte actividade deportiva será na piscina municipal de Centieiras a fin de semana do 9 e 10 de xullo. Alí organízanse dúas actividades de iniciación ao mergullo dirixidas a rapazada e persoas adultas. A primeira, o sábado 9 de 17 a 18:00 horas, é gratuíta e oferta 12 prazas para nenas e nenos de 10 a 14 anos.
O cursiño acelerado para maiores de 14 anos -sen límite de idade- repartiranse entre a tarde do sábado 9, de 18:00 a 20:00h, en Centieiras e a mañá do domingo 10 de xullo -10 a 13:00- na praia de Chanteiro. O prezo neste caso son 6,25 euros e tamén se ofertan 12 prazas.
As inscricións deben facerse no departamento de Deportes entre o 13 de xuño e o 6 de xullo. O único material que fai falla levar é o bañador, gorro, chanclas e unha camiseta para poñer por debaixo do neopreno que nos facilitará o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus, encargado da actividade.

Campionato de Fotografía Submarina

En relación co submarinismo deportivo cómpre recordar que o Concello de Fene, o CAS Nautilus e a Federación Galega -con colaboración do CMI Unidade e da Unidade de Buceo da Armada-  organizan o próximo 26 de xuño o Campionato de Fotografía Submarina Concello de Fene, puntuable para o circuito galego desta disciplina. A saída está prevista ás 9:30 do peirao de Barallobre e efectuaranse dúas inmersións, unha de 10 a 11:30 e outra de 12 a 13:30h.  As inscricións, só para buceadoras e buceadores federados, hai que facelas ata o 19 de xuño a través do correo [email protected] ou en [email protected].
As persoas participantes tentarán captar as mellores imaxes do fondo da ría, ofrecendo instantáneas tan espectaculares como as que compoñen a exposición «Ollada ás profundidades» que pode visitarse ata o 30 de xuño  no pavillón da Xunqueira en horario de 9 a 13:00h e de 17 a 20:00h de luns a venres, así como durante as competicións deportivas das fins de semana. A mostra itinerante chega a Fene coa colaboración do CAS Nautilus e da Federación Galega de Actividades Subacuáticas.
 

Caiac e paddle surf en Almieiras

No caso do caiac e paddle surf o escenario será a praia de Almieiras -Limodre-, punto de referencia para  iniciarse nestas dúas disciplinas desde o 11 de xullo ao 19 de agosto en horario de 11 a 13:00h. 
A actividade repartirase en dúas quendas: unha os luns e mércores e outra os martes e xoves, con 18 prazas dispoñibles en cada unha delas. Poderá participar calquera persoa nacida en 2014 ou antes dese ano, sempre e candosaiba nadar.
A cota de inscrición é de 23,25 euros -18,6 a partir do segundo membro da unidade familiar para persoas empadroadas en Fene- e o prazo para anotarse presencialmente estará aberto do 13 de xuño ao  6 de xullo en horario de mañá no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44 entresollado).
O material necesario -caiac, casco, táboa, remos e salvavidas- facilítao a organización, de modo que as persoas participantes só terán que preocuparse de levar chanclas pechadas ou escarpíns, bañador, toalla e unha camiseta de recambio que se poida mollar (licra, neopreno ou algodón).

Campamento lúdico e deportivo no CMI Unidade de Fene

A última proposta relacionada co exercicio físico e o lecer é o campamento lúdico e deportivo promovido polo Concello en colaboración co Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Trátase dunha iniciativa inclusiva para nenas e nenos nados entre os anos 2010 e 2017 que terá lugar nas instalacións da entidade de luns a venres entre o 1 e o 12 de agosto, ambos días incluídos, en horario de 10 a 14.00h. O penúltimo día do campamento a rapazada terá a opción de facer noite con cea e velada de xogos, ademais do almorzo da mañá do 12.
Os máis pequenos aprenderán e brincarán a través dunha chea de xogos que aproveitarán todas as posibilidades que ofrecen tanto a piscina como outros espazos do CMI. Haberá 40 prazas dispoñibles e as inscricións presenciais deberán formalizarse entre o 13 de xuño e o 22 de xullo nas oficinas de Cultura e Deportes.
A cota do campamento son 28,20 euros -22,56 a partir do segundo membro para familias empadroadas en Fene- e desde o departamento municipal indican que cada persoa poderá apuntar presencialmente aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis.
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.