Cerca de 700 negocios de Ferrol solicitáronlle ata onte a Emafesa o cambio á situación de “sen actividade” para beneficiarse dunha medida que significa o pago de 28,19 euros por un bimestre de auga e recollida de lixo. O alcalde, Ángel Mato, decretou o pasado 9 de abril que os establecementos afectados polo estado de alarma podían pedirlle á empresa de augas o paso a esta modalidade de tarifa para aboar unicamente o importe mínimo que permite a normativa.
O obxectivo é sumar unha axuda máis ás que tanto o propio Concello de Ferrol coma outras Administracións están a poñer en marcha para paliar os efectos da crise do covid-19 entre o tecido empresarial. Segundo os datos facilitados pola empresa ao peche da xornada de onte, luns, trátase de 683 negocios, dos que máis da metade (353) xa teñen aprobado o cambio a situación de “sen actividade”, mentres que 54 non cumpren cos criterios recollidos no Real Decreto de estado de alarma. O resto das solicitudes están a ser tramitadas. O prazo para poder presentalas conclúe o xoves, 30 de abril.
O decreto firmado polo rexedor o pasado 9 de abril recolle que, dado que o peche de numerosos locais ten lugar forzosamente, estes deben pasar a considerarse en situación de “sen actividade”, o que implica a súa baixa na taxa de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais, tal e como contemplan as ordenanzas municipais. Isto leva aparellados cambios de tarifas na taxa de saneamento e na de recollida de residuos, ademais da exención tanto da taxa de tratamento de residuos (canon de Sogama) coma do canon da auga da Xunta de Galicia. É dicir, unicamente aboarán os mínimos de 5,79 euros polo saneamento sen actividade e o importe reducido de 22,40 pola recollida de residuos sólidos urbanos.
A factura non incluirá os consumos de auga ante a imposibilidade de realizar as lecturas dos contadores debido á epidemia, e entendendo que para os negocios pechados deben ser gastos prácticamente inexistentes, polo que facturar un importe estimado sería sempre prexudicial para o usuario. No caso de que se rexistrase un mínimo consumo, compensarase en futuros recibos.
A mencionada baixa na taxa de abastecemento debe ser solicitada de forma telemática polo interesado. Terá que acreditar ante Emafesa, mediante o epígrafe do IAE, entre outra documentación esixible, o peche efectivo do local debido ao estado de alarma. Para facelo, é necesario que se dirixa á dirección de e-mail [email protected] ou á dirección postal da empresa (Praza da Ilustración, 5, baixo). Tamén pode poñerse en contacto coa empresa nos números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou no fax 981 300 148.
O decreto contempla tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso é con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares. Esta decisión adóitase debido ás “excepcionais circunstancias” e para non agravar máis a situación económica dos cidadáns.