O pasado martes 11 de agosto tivo lugar a firma da acta de inicio de obra que ampliará o aparcadoiro do CHUF, cuxo prazo de execución é de catro meses. Pola súa parte o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, achegouse xunto a técnicos municipais e responsables da obra ao lugar onde realizarase o proxecto, adxudicado por 241.300 euros (IVE incluído).
A superficie sobre a que se actuará é de 4.220 metros cadrados, dentro dunha parcela municipal de moita máis extensión, a meirande parte da cal é unha zona de monte na que non se vai intervir. O acceso situarase na rúa Irmandade de Doadores de Sangue. O novo aparcadoiro municipal contará con 123 prazas de estacionamento, catro das cales estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida.
Neste momento están a ultimarse na parcela as tarefas de preparación da obra e a principios de setembro comezarán os traballos se a situación o permite. Segundo indicou Reina, esta reforma “prestará un servizo moi necesario na nosa área sanitaria”.
Zona para motocicletas
No novo estacionamento tamén haberá unha zona para motocicletas nas inmediacións do acceso. Dado que se prevé que as instalacións sexan empregadas habitualmente por persoas maiores ou con dificultades físicas, as prazas para estacionar serán amplas, de 2,80 x 4,90 metros, de xeito que se lles facilite aos usuarios a entrada e saída dos vehículos.
Entre as filas onde se aparque haberá un espazo seguro conectado cunha beirarrúa que percorrerá a zona norte da parcela ata a saída. Os carrís de circulación pavimentaranse con microaglomerado asfáltico aplicado en quente. Será de cor terra para facilitar a integración no entorno.
As prazas de estacionamento executaranse con lousas tipo céspede prefabricadas de formigón, tamén de cor area ou similar, de xeito que permitan o nacemento da herba no seu interior, o cal axudará a integrar o aparcadoiro no resto da parcela e servirá de drenaxe das augas pluviais. Tamén se van plantar árbores que no futuro dean sombra aos vehículos. Serán das mesmas especies existentes no entorno: carballos e bidueiros.
Discussion about this post