Un total de 24 propietarios de establecementos hosteleiros de FErrol solicitaron xa ao Concello autorización para colocar máis mesas e cadeiras nas súas terrazas. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, firmou o pasado venres un decreto polo que se ordenaba a tramitación administrativa preferente e a axilización das solicitudes para incrementar as terrazas ou modificalas de acordo coa ordenanza reguladora das mesmas.
Os técnicos do departamento estudan de forma individual a viabilidade de cada caso. Os donos de locais interesados en solicitar dita ampliación deben cubrir un formulario que atoparán na páxina municipal ferrol.gal. O decreto da pasada semana tamén autoriza de forma automática e con carácter xeral aos propietarios dos establecementos a ampliar o espazo o mínimo indispensable para colocar o 50 % das súas terrazas mantendo os dous metros de distancia de seguridade.
Reina tamén anunciou esta mañá que o próximo venres presidirá unha comisión de terrazas co fin de axilizar todo o posible as autorizacións de quen solicite aumentalas sempre que cumpra a normativa e tamén para coñecer a marcha da apertura dos locais. A partir de agora ditas comisións terán unha periodicidade semanal.
Discussion about this post