O Concello acordou hoxe que a estrada baixa do Porto e a rúa de Celso Emilio Ferreiro tamén dispoñan de máis espazo para os viandantes, co obxectivo de que estes poidan gardar a distancia mentres fan actividade física. Do mesmo xeito que acontecerá co resto de vías públicas afectadas por esta medida, dependendo das necesidades, en determinados momentos poderían pecharse ao tráfico completamente ou habilitaríase un carril ou superficie adicional para os peóns e poderían seguir circulando vehículos, pero sempre salvagardando a seguridade das persoas.
Durante a pasada fin de semana, o departamento de Seguridade deiciu pechar ao tráfico unha serie de vías. A medida afecta á avenida do Mar, entre a glorieta do Conservatorio e a baixada da avenida de Castelao; á estrada da Feira de Mostras, dende a glorieta do campo de fútbol ata a da avenida do 19 de Febreiro, e a varias rúas do barrio da Magdalena, no que se creará un perímetro destinado aos viandantes e que estará delimitado polas interseccións de Sol con Carmen, Coruña e Sánchez Barcaiztegui; as de Igrexa con Rubalcava e Concepción Arenal; a de Méndez Núñez con Magdalena, e a de Real con Arce. A elas únense agora, tras a reunión diaria do departamento de Seguridade, as citadas Celso Emilio Ferreiro e estrada baixa do Porto.
Durante a xuntanza tamén se estableceu a recomendación de que os cidadáns circulen pola dereita das vías públicas sempre que sexa posible e estas dispoñan de beirarrúas, para así tratar de camiñar todos no mesmo sentido. Isto facilitará manter as distancias axeitadas e evitará ter que internarse na calzada para deixar paso a persoas que pasen en sentido contrario.