La Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia, ASIME, organizou onte unha xornada informativa na súa sede en Ferrol para ofrecer toda a información sobre a situación actual respecto ao Coronavirus e dar pautas ás empresas sobre as medidas para adoptar.
Nestas xornadas as empresas puxeron en común as súas dúbidas e abordouse o tema con representantes da contorna xurídica e sanitaria para esclarecer todas as medidas de actuación a levar a cabo polas empresas. Aínda que o impacto económico do coronavirus xa se está notando a nivel de feiras e actividades internacionais canceladas e tamén en desabastecemento de pezas concretas, desde Asime chamaron á calma e resaltaron que as “empresas e os comités de prevención están a ser moi responsables e rigorosos no sector industrial”, destacou Emma González.
“Por agora non se detectou ningún caso de coronavirus nos máis de 67.000 traballadores que ten o sector metal en Galicia nin hai ningunha empresa con problemas graves de desabastecemento. É importante manter a calma e seguir con rigorosidade as medidas de precaución que nos recomendan os sanitarios”, explicou Emma González.
Antonio Antela, especialista en enfermidades infecciosas do hospital Clínico de Santiago, engadiu no referente ao aspecto médico: “A epidemia está en Galicia como en toda España en plena expansión e sen dúbida vai haber máis casos, pero a maioría van ser leves e non van requirir ningún tratamento específico, nin sequera deberían ir ao hospital. Todos debemos colaborar en manter as estruturas sanitarias funcionantes e evitar o colapso. Por iso, o que non sexa maior de 60 anos ou teña unha enfermidade crónica ou debilitante, debe evitar ir ao hospital salvo que senta dificultades respiratorias.”
“Probablemente a chegada da primavera e o aumento da temperatura axudará a que a epidemia cese pronto. Ata entón, o máis importante é seguir as recomendacións sanitarias. Hai que aprender da experiencia chinesa para saber como previr novos casos e leste é un momento para mostrar o noso civismo e reservar os recursos para quen máis os necesitan”, engadiu Antonio Antela.
Roberto Vázquez Cid, socio de laboral de Cuatrecasas, remarcou a importancia de elaborar protocolos de actuación: “As empresas deben poñer en marcha protocolos que inclúan accións de formación e información aos traballadores, medidas que reduzan o risco de contaxio especialmente para persoas sensibles ou con maior risco de contaxio (embarazadas, problemas respiratorios ou enfermidades graves), estender os seus protocolos ás empresas e provedores cos que traballen, e poñer en marcha un procedemento de actuación específico no caso de que haxa un contaxio dentro das empresa, levando se é necesario á paralización temporal da actividade.”
Así mesmo, as empresas participantes expuxeron como están a abordar a situación e algunhas como Teiga TMI presentaron os plans de actuación elaborados polos seus departamentos de prevención.
O departamento xurídico de Asime, pola súa banda, xunto co seu servizo de prevención e mancomunado, están en comunicación directa e permanente coas empresas do sector metal galego a efectos de asesorar e coordinar actuacións.
Discussion about this post