O Concello de Ferrol celebrará este ano na praia de A Fragata-Pareixal a tradicional cerimonia de izado das bandeiras azuis. Ademais deste areal de Covas, os distintivos de calidade seguirán ondeando en San Xurxo, Esmelle e Doniños, que xa acolleron o mesmo acto oficial en 2019, 2020 e 2021, respectivamente. O izado está programado para as 12:30 horas e presidirao o alcalde, Ángel Mato.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, recolleu onte as bandeiras azuis na praia de Loira, no concello de Marín. Lamas mostrou a súa satisfacción porque os catro areais ferroláns renovaran un ano máis o recoñecemento que outorga a Adeac e mostrou a súa confianza en que a praia de Caranza tamén conseguirá o distintivo de calidade para o 2023, tal como se acaba de solicitar por parte do seu departamento.
A tempada de praias comezou en Ferrol o pasado 18 de xuño e prolongarase durante tres meses, período durante o que o servizo de salvamento e socorrismo funcionará nos catro areais con bandeira azul e en cinco máis: Penencia, Santa Comba, Ponzos, Caranza e A Graña. As ferrolás son as únicas praias da comarca que o
manteñen durante tres meses.
Nas semanas previas ao inicio da campaña, melloráronse os accesos aos areais, reparáronse danos en casetas e servizos fixos e colocáronse as instalacións móbiles. En Caranza substituíuse o acceso de madeira por un novo e prolongouse a rampla que baixa dende a ermida. Este areal é totalmente accesible, con pasareas ata a auga, e está dotada de dispositivos adaptados, como cadeiras de baño.
Ademais, mellorouse a megafonía e implantouse nas que non dispoñían dela, púxose en marcha un novo sistema de comunicacións para os equipos de emerxencias e, coma cada ano, renovouse parcialmente o material do servizo de socorrismo, tanto o individual como o das casetas. O servizo sanitario conta cunha ambulancia e persoal médico a disposición das praias. Protección Civil, pola súa banda, presta apoio con vehículos de intervención rápida.