A concellería de Obras e Servizos de Ferrol comezou a executar as obras de rehabilitación do pavillón polideportivo de San Mariña, que inclúe a eliminación de pingueiras e o cambio de portas. Trátase dunha intervención “moi necesaria”, segundo o goberno local, a causa do deterioro da cuberta e da entrada de auga no interior do edificio dende o pasado inverno. O contrato foi adxudicado á empresa Excavaciones Saavedra y López S.L. por un importe de 33.867,9 euros.
Esta actuación será a primeira que se executa no pavillón, unha instalación municipal que rexistra moito uso. O proxecto inclúe a substitución de dúas portas exteriores por outras novas antivandálicas e con dispositivos antipánico, a instalación de extintores e carteis indicativos da súa situación, a actualización das medidas antiincendios e a colocación de carteis homologados de saída.
A reparación en Santa Mariña tamén contempla, como medida máis urxente, a substitución das pranchas de policarbonato na cuberta e na fachada norte, a reposición dun novo cumio, a revisión da totalidade dos parafusos con substitucións dos que estean deteriorados e a limpeza de cuberta, caleiros e baixantes. De igual modo repararanse as pranchas de aceiro que presenten pingueiras e substituiranse parte dos caleiros e baixantes que estean deterioradas.
Discussion about this post