O concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Julián Reina, reunirase mañá, 26 de maio, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para pór en común a situación do saneamento do río da Sardiña. O goberno local considera prioritaria esta actuación como complemento á que o organismo autónomo xa está a levar a cabo na enseada da Malata, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %.
Construír o colector-interceptor da marxe esquerda do curso fluvial significaría acadar o saneamento integral desta zona e pechar o da ría de Ferrol, un obxectivo expresado recentemente pola conselleira de Infraestruturas “e que o Concello comparte totalmente”, asegurou Reina, que a principios de semana solicitou a xuntanza coa responsable da entidade autonómica.
O edil xa avanzou tras a última reunión da comisión de seguimento das obras, celebrada o venres 15 de maio, que considera crucial que se encamiñen canto antes, e de xeito definitivo, os trámites para converter este proxecto nunha realidade. Esta canalización servirá no futuro para rematar cos problemas xerados polas deficiencias que presenta a rede a día de hoxe.
Julián Reina tamén quere abordar a limpeza dos ríos que discorren polo termo municipal. Así, o responsable de Urbanismo do Concello de Ferrol, trasladaralle á directora de Augas de Galicia a situación na que se atopan os espazos fluviais cuxo mantemento é de competencia autonómica e a necesidade de que se actúe sobre eles para que se atopen en perfecto estado de conservación.
Discussion about this post