A Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Policía Nacional de Ferrol-Narón detivo a catro mozos, tres homes e unha muller, presuntamente implicados nun roubo con violencia cometido na pasada madrugada do día 9 de febreiro.
Cinco amigos atopábanse no Cantón de Molíns de Ferrol gozando do lecer nocturno cando foron asaltados por un grupo de catro persoas que os mantiveron retidos no lugar durante unha hora e media a base de patadas, puñadas, agarróns, ameazas, vexacións e insultos, mesmo coa exhibición e emprego contundente dunha pistola que ao cabo resultou ser de aire comprimido. Dos feitos despréndese que dous dos homes que tomaron as rendas do asalto xa foran detidos en recentes días por un delito de similar natureza delituosa.
Ambos lograron apoderarse dos móbiles, un reloxo, documentación e 55 euros dos cinco rapaces; posteriormente, mediante o uso intimidatorio da pistola e unha serie de agresións e ameazas, lograron que un dos mozos sacase da súa conta bancaria 300 euros, sendo trasladado tanto el como unha amiga a un caixeiro do Cantón, en cuxo interior viviron momentos de tensión.
Antecedentes por delitos similares
Os autores foron detidos o pasado 12 de febreiro. Dous dos detidos pasaron a disposición xudicial e un deles ingresou na prisión provincial de Teixeiro por orde da xuíz maxistrado do Xulgado de Instrución Nº 3 de Ferrol. Os axentes recuperaron os teléfonos subtraídos e a pistola de aire comprimido empregada. As xestións policiais culmináronse coa detención dun terceiro rapaz e unha moza que colaboraron presuntamente neste desagradable episodio.
Un dos arrestados intetou robar un establecemento 24 horas a principios de mesUn dos homes xa fora detido a primeiros deste mes cando accedeu en solitario a un Open 24 horas coa pistola de aire comprimido en man, coa clara intención de atracar o negocio, cousa que non logrou debido a que tivo que desistir ao aparecer o encargado e solicitar axuda duns clientes, aínda que os seus movementos quedaron captados nas gravacións de seguridade do local.Así mesmo a finais de xaneiro, os primeiros dous detidos tamén estiveron presuntamente implicados nun delito de furto cometido sobre un coñecido youtuber da comarca, motivo polo cal foron detidos. Nesta ocasión, a vítima recollíase de madrugada á súa casa cando dous individuos novos descoñecidos saudáronlle, gañándose a súa confianza e convencéronlle para irse con eles de copas, accedendo a iso.
Máis tarde tomaron un taxi e decidiron acabar o traxecto nunha gasolineira do polígono da Gándara, momento no que, segundo o denunciante, aproveitaron para roubarlle a carteira coa súa documentación, un teléfono móbil e 1.300 euros. Unha vez que interpuxo a denuncia, o Grupo de Patrimonio logrou dar cos supostos autores, sendo recoñecidos pola vítima, polo que se procedeu á súa detención.
Discussion about this post