Ferrol intensifica a limpeza da vía pública ante a inminente saída dos nenos á rúa

Os parques infantís seguirá pechados de acordo coa orde ministerial
94691988_2918929228203213_3099435605533130752_o

O Concello de Ferrol está orientando estes días a limpeza dos espazos públicos á saída dos nenos á rúa a partir do domingo, autorizada polo Goberno, aínda que con restricións que deben ser cumpridas polos pais. As concellerías de Mobilidade, Seguridade e Servizos, dende as que se coordinan este tipo de labores, están poñendo especial atención nas zonas abertas da cidade máis susceptibles de ser empregadas polos pequenos para dar os seus primeiros paseos dende que comezou o estado de alarma.

Os camións quitaneves postos a disposición polo Goberno, as dotacións do Corpo de Bombeiros e os equipos dos servizos de limpeza e de xardíns repasan dende onte especialmente as prazas, os parques e os paseos, lugares nos que é máis doado manter a distancia de seguridade. Os que seguirán pechados son os parques infantís, debido ao risco que poderían correr os menores se comezasen a usalos.

Dende a última hora da tarde de onte, a máquina repasou a praza de España e o contorno da do Inferniño. Tamén traballou no barrio de San Pablo e despois desprazouse á Graña, antes de facer un percorrido por Doniños, San Xurxo, Esmelle, Covas e a estrada de Catabois. Nunha segunda quenda, xa entrada a noite, dirixiuse a Caranza e ao centro da cidade.

Esta mañá, os Bombeiros hixienizaron, entre outros lugares, o interior da praza do Inferniño, Amboage, o parque Raíña Sofía, a praza Vella e o Cantón. Pola súa banda, o persoal dependente de Servizos presta especial atención ás zonas de paseo dos parques e xardíns, así como á desinfección do mobiliario urbano, ademais de continuar cos traballos que viña desenvolvendo durante as últimas semanas.

 

 

Relacionadas