Ferrol pon a punto os parques infantís de cara á súa reapertura

Será nun total de 25 recintos onde se realicen os traballos de mellora e se desinfectarán máis de 50
94747354_2918935231535946_237682815850774528_o

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Obras e Servizos vén de poñer en marcha un plan de posta a punto dos parques infantís co fin de que estean arranxados e ao día no momento no que o Goberno central autorice o seu uso.

Hai uns días comezaron os traballos de repintado dos elementos de xogo e a súa desinfección cunha sulfatadora que pulveriza hipoclorito sódico nun total de 25 recintos para nenos aproveitando que non se pode facer uso deles. Do mesmo xeito, Lamas ordenou que se repuxesen todas aquelas pezas que estiveran en mal estado ou desaparecesen.

Polo momento, a empresa encargada do mantemento de parques infantís preparou xa os de Amboage, o Cantón, o Parque Raiña Sofía e o da rúa Poeta Pérez Parallé, entre outros, e continuará percorrendo o resto ata completar os 25. Coa posta en marcha deste plan, explican desde o goberno local, “aproveitamos que agora non se poden usar para traballar neles e preparalos para o día en que os nenos poidan utilizalos”. Este plan de actuación inclúe unha nova desinfección en profundidade, tamén con hipoclorito sódico, nos 55 parques infantís de Ferrol apenas uns días antes de que os nenos teñan permitido utilizalos.

Relacionadas