Despois de que a declaración do estado de alarma polo covid- 19 no mes de marzo obrigara a suspender a actuación de James Rhodes en Ferrol, prevista para o 21 de marzo, finalmente o concerto do pianista británico terá lugar o 19 de setembro no Auditorio da cidade. Abriranse as portas ás 20.30 horas e media hora despois comezará o espectáculo.
As entradas xa adquiridas serán igualmente válidas para acceder á actuación sen necesidade de efectuar ningún cambio. Todas as persoas que as adquiriron a través de Ataquilla.com recibirán un correo electrónico cos pasos a seguir no caso de que desexen devolvelas. Polo contrario, as entradas mercadas no despacho de billetes do Teatro Jofre, —aberta agora só para devolucións— poden devolverse aí mesmo de martes a venres de 11 a 13 horas e de 18 a 20 horas.
Un repaso pola obra de Beethoven
Ferrol é unha das cidades que elixiu o músico británico, afincado en Madrid desde 2017, para conmemorar os 250 años do nacemento de Ludwig van Beethoven. Rhodes interpretará nun concerto de 90 minutos tres obras do músico alemán, as sonatas Pastoral e Waldstein e a nº 27 Op. 90 en mi menor. Farao co seu particular estilo, co toque persoal que pon en cada unha das súas actuacións coa intención de desfacer o halo de solemnidade que envolve á música clásica e achegala ao gran público.
Discussion about this post