Tras a finalización do período establecido no Real Decreto 10/2020, onde se restrinxía a actividade só a servizos esenciais, Navantia pon en marcha a recuperación da actividade nos seus centros. Na comisión de seguimento do Covid-19 a dirección da empresa xa platexou a reactivación da actividade nas factorías de Ferrol e Fene, ante a oposición dalgúns sindicatos, como a CIG, que vén precipitada a volta ao traballo.
“Entendemos que se modifica por presións empresariais que poñen por diante a cuestión económica ante a defensa da saúde das e dos traballadores e familias. O tempo nesta pandemia é fundamental para ir dando pasos certos e non precipitarse xa que podería dar lugar a un retroceso fatal”, incidiron den o sindicato galego ao coñecer a decisión.
A previsión da compañía é comezar a próxima semana con algúns traballos na eólica en Fene, no proxecto Kincardine, que ocupa arredor de 70 persoas en cada quenda das auxiliares Windar e Nervion. En Ferrol no segundo dos buques AOR para a armada australiana volverán unhas 60 persoas tamén en cada quenda (Rayma, Pine, Norinver) para realizar fundamentalmente traballos de electricidade. Ademais están os traballos esencias que xa se viñan facendo na área de Turbinas e en Carenas, onde actualmente só se están realizando traballos de limpeza e mantemento ás fragatas da Armada.
A empresa pública explicou que seguirá promovendo as medidas de flexibilidade e traballos en remoto para todos aqueles procesos que sexan posibles cando as funcións e recursos técnicos así o permitan. “Facilítase o uso de ferramentas online, suspéndense as actividades de formación e aconséllase evitar as viaxes”, informaron dende Navantia.
Cando a presenza no posto de traballo sexa necesaria, os Comités de Emerxencia de cada centro organizarán a entradas e saídas, que serán graduadas en franxas horarias para evitar aglomeracións. Así mesmo, realizarase un control da temperatura corporal en todos os accesos ás instalacións.
Discussion about this post