A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, anunciou que o Concello vén de presentar tres proxectos á convocatoria bienal de axudas para financiar traballos de conservación ou enriquecemento de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español dentro do Programa 1,5% Cultural do Ministerio de Fomento. Todos eles recollen actuacións no Castelo de San Felipe.
A edil lembrou que despois de que quedara fóra da anterior convocatoria o proxecto presentado en 2018 para a intervención nas cubertas pétreas e no sistema de evacuación de augas pluviais no Castelo de San Felipe, desde a concellería retomouse dita actuación para “actualizala e mellorala”. Tamén “elevamos a nosa achega do 25% ao 40%” co obxecto de aumentar a puntuación do proxecto. Trátase dunha actuación de 455.172,65 euros, dos que Fomento aportaría 273.103,19 euros e o Concello 182,069,06 euros. É, dixo, unha obra fundamental para o castelo ao tratarse dunha intervención “estrutural”.
Martínez Montero detallou tamén os outros dous proxectos presentados ao Ministerio de Fomento. Un consiste na rehabilitación do conxunto de edificacións da casa do comandante do Castelo de San Felipe, cun importe de 172.716 euros. Neste caso o Concello aportaría o 25 %, é dicir, 43.179 euros e Fomento o resto. O terceiro busca a conservación e mantemento da batería alta do século XVI do castelo, unha actuación de 115.430 euros e para a que Ferrol solicita ao Goberno central o 75 % da inversión, 86.572,50 euros.
Martínez Montero explicou que a presentación dos tres proxectos demostra a aposta “firme e decidida” do goberno local pola recuperación e posta en valor “dun dos nosos mellores bens” e lembrou que o seu compromiso coa fortaleza non remata na convocatoria de Fomento, xa que Ferrol, a través do proxecto MMIAH para a recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial do litoral do espacio atlántico, vai a realizar melloras na batería baixa do século XIX de San Felipe, unha actuación que conta cun presuposto de 100.000 euros.
Discussion about this post