O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitaron onte as obras que se están levando a cabo nos edificios 1-4 da rúa 10 de Marzal e 1-6 da rúa Narón, en Recimil. En ambos casos trátase de actuacións nas cubertas e nas fachadas dos inmobles para conseguir unha mellora significativa nas condicións de habitabilidade destas vivendas municipais.
Acompañados por técnicos do Concello e persoal da empresa adxudicataria, Mato e Reina fixeron un percorrido pola zona durante o que coñeceron de primeira man os detalles dos traballos. O alcalde destacou que servirán, entre outras cousas, para acadar un mellor illamento dos edificios e dar solución así a problemas tanto de carácter térmico coma de humidades. Tamén recordou que a intención do goberno municipal é a de darlles continuidade a estas actuacións noutros bloques do barrio, como xa se puxo de manifesto destinando boa parte dos investimentos financeiramente sostibles (en concreto, máis de tres millóns de euros), a novos proxectos de rehabilitación en Recimil e incluíndo na proposta de orzamentos para este ano dous millóns e medio dedicados a tal fin.
Segundo Mato, estas obras supoñen tamén unha especie de “laboratorio” para o futuro, porque delas estase a extraer información acerca das dificultades técnicas ás que haberá que facer fronte á hora de executar proxectos similares, coma os que están previstos en Recimil.
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 24 de febreiro unha segunda ampliación do prazo de execución dos traballos nas envolventes de 10 de Marzal e Narón. Concedéronselle tres meses máis á adxudicataria, un período que, segundo avanzou naquel momento o concelleiro de Urbanismo, tanto a direción de obra como a empresa consideraron suficientemente amplo. Esta mañá, Julián Reina asegurou que, de feito, non entra nos plans do equipo de goberno conceder novas prórrogas.
Discussion about this post