O PSdeG reafirma o seu apoio á folga do 11N e chama a unha mobilización masiva

O líder dos socialistas galegos participará nas protestas xunto a CCOO e UGT, que denuncian a retirada dos carteis e do manifesto da convocatoria ao entrar no Parlamento
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu ante os medios que a convocatoria responde a reivindicacións que comparte o Partido Socialista | PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu ante os medios que a convocatoria responde a reivindicacións que comparte o Partido Socialista | PSdeG
PUBLICIDAD

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento á participación masiva na folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro. Tras reunirse este xoves no Parlamento de Galicia cos responsables de CCOO e UGT na comunidade, o dirixente socialista confirmou que o seu partido apoiará o paro e participará nas mobilizacións. «Estaremos coa maioría traballadora fronte a quen actúa contra os seus dereitos», asegurou.

Besteiro defendeu que a convocatoria responde a reivindicacións que comparte o Partido Socialista, como a mellora dos salarios, o reforzo dos servizos públicos, o acceso a unha vivenda digna e a protección da negociación colectiva. «Non nos sentimos criticados», afirmou, ao considerar que a folga supón unha oportunidade para defender dereitos que custaron «moito tempo e moito sacrificio» conseguir.

O líder do PSdeG puxo o foco no encarecemento da vida e lembrou que está enriba da mesa unha nova suba do salario mínimo interprofesional. Tamén recoñeceu que os esforzos en materia de vivenda pública aínda son insuficientes e que cómpre facer máis. Ao seu xuízo, a mobilización servirá para que a maioría social tome conciencia de que hai quen pretende recortar dereitos laborais e sociais.

Os sindicatos denuncian a retirada de carteis e documentación

A comparecencia estivo marcada tamén pola denuncia dos representantes sindicais sobre o acontecido á súa chegada ao Parlamento. A secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, explicou que lles retiraron os carteis que anunciaban a folga e o manifesto da convocatoria na entrada da Cámara. «No Parlamento de Galicia non se pode entrar cun panfleto chamando á folga xeral, algo que nos parece inaudito», criticou.

Pérez atribuíu a retirada a ordes da Presidencia do Parlamento e pediu que quedase constancia da protesta sindical. A dirixente agradeceu ao PSdeG que os recibise e defendeu que a folga ten «máis que sobrados motivos». Aínda que situou o desafiuzamento de Maricarmen como detonante da convocatoria, sinalou que detrás existe un problema estrutural de acceso á vivenda e de políticas que, segundo denunciou, fan que boa parte das subas salariais se destinen ao alugueiro.

Pola súa banda, o secretario xeral de UGT Galicia, Cristóbal Medeiros, definiu o paro como «unha folga pola dignidade, unha folga por un teito, unha folga por un anaco de pan». Advertiu de que os prezos dos alugueiros aumentan moi por riba dos salarios e de que ter un emprego xa non garante poder vivir dignamente. Tamén incorporou ás reivindicacións a defensa da liberdade de expresión tras a retirada dos materiais sindicais.

Vigo acollerá a manifestación central

Amelia Pérez avanzou que a manifestación central terá lugar en Vigo, aínda que haberá mobilizacións en todas as cabeceiras de comarca. Pola mañá desenvolveranse as protestas convocadas polas organizacións sindicais, co peche dos centros de traballo, mentres que pola tarde CCOO e UGT sumaranse ás mobilizacións impulsadas xunto ao Sindicato de Inquilinas e outros colectivos sociais.

Medeiros lembrou algunhas das medidas defendidas polos sindicatos nos últimos anos, como a reforma laboral, a revalorización das pensións conforme ao IPC e as subas do salario mínimo. Explicou que a convocatoria chega tamén polo bloqueo da patronal á negociación do novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), ademais polo caso de Maricarmen, que considera «a gota que colmou o vaso».

Besteiro pide explicacións a Rueda pola transferencia da AP-9

Á marxe da folga, Besteiro valorou as dúas novas competencias que Galicia asume este xoves na Comisión Mixta de Transferencias: as autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e a xestión dos aeródromos que non son de interese xeral. O dirixente socialista destacou a rapidez do Goberno central no proceso, pero advertiu de que «as novas competencias traen novas responsabilidades».

Como exemplo, lembrou que Galicia aínda está pendente dos plans de rexeneración das rías, das actuacións contra a erosión e das medidas de protección ambiental vinculadas á transferencia da xestión do litoral. Por iso, pediu que os novos traspasos se traduzan nunha xestión máis eficaz.

Tamén reclamou explicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola situación da transferencia da AP-9. Besteiro acusou o PP de non ter présa e de estar preparando un recurso ante o Tribunal Constitucional contra o traspaso. «Tantos anos pedindo esa transferencia e agora resulta que, cando chega, non a queren», reprochou, antes de reclamar a Rueda que aclare os motivos dese atraso.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.