Dúas máquinas quitaneves percorreron a cidade onte dende a última hora da tarde ata entrada a noite para dispersar un produto desinfectante polas rúas. Tratábase de vehículos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que o alcalde lle solicitou á Subdelegación do Goberno o pasado sábado, 11 de abril, tras a celebración da Xunta Local de Seguridade.
O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, encargouse de coordinar coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a chegada a Ferrol destes camións, con depósitos de 6.000 litros de capacidade. Onte a última hora da tarde dirixíronse ao parque de bombeiros da Gándara para cargar en cada un deles seis toneladas de auga, ás que se engadiron 40 litros dunha solución desinfectante.
Nebulización ata catro metros de altura
Este tipo de máquinas contan cun dispositivo co que habitualmente esparexen sal para evitar a formación de placas de xeo nas estradas, e que durante esta epidemia de coronavirus está a ser aproveitado para nebulizar líquido desinfectante. Circulando polas vías públicas a arredor de 20 quilómetros por hora, son capaces de hixienizar as superficies horizontais e verticais ata unha altura de 1,5 metros, e incluso alcanzar os 4 metros en determinadas condicións.
Durante o serán e a noite de onte percorreron as principais vías dos barrios da Magdalena, Esteiro, Canido, Recimil, Telleiras, Caranza, Catabois, os dous ensanches e o polígono da Gándara, e repasaron con máis intensidade zonas sensibles coma as inmediacións de establecementos de alimentación, ademáis do Cantón, a praza de España e o perímetro das de Ultramar e o Inferniño.
Discussion about this post