O goberno local de Ferrol, a través da concellería de Economía e Recursos Humanos, presentou onte na reunión da mesa de negociación do Concello de Ferrol —da que forman parte UGT, CC.OO., CIG e CSIF— as bases da convocatoria do concurso para cubrir 19 postos vacantes entre xefaturas de negociado e supervisores, que contaron co apoio dos sindicatos CC.OO. e UGT e as abstencións de CIG e CSIF.
Tamén se levaron á sesión as bases para o concurso de méritos para a promoción interna de catro postos de administrativos, que se aprobaron co acordo de todos os representantes sindicais a excepción da CIG, que se abstivo. En ambos concursos poderá participar o persoal do Concello que pertenza a calquera dos grupos aos que estea aberto o posto ao que se aspira. Os candidatos deben ter a titulación académica esixida e deberán pasar máis de dous anos dende a obtención do último posto.
Os concursos realizaranse mediante a valoración de méritos xerais tendo en conta a antigüidade, a valoración do traballo desenvolvido, o grao persoal consolidado, os cursos de formación e perfeccionamento e o nivel de coñecemento da lingua galega.
Comité de Seguridade e Saúde
No día de onte tamén quedou constituído o Comité municipal de Seguridade e Saúde, integrado por un representante de cada un dos grupos municipais e un membro de cada un dos sindicatos con representación no Concello. O organismo xa ten establecidos programas de actuación e protocolos de seguridade para levar a cabo o plan de desescalada de acordo coa normativa vixente.
Durante a sesión de constitución, a concelleira da área, María Teresa Deus, propuxo a creación dun regulamento para o novo comité, que xa está a ser redactado. A edil destacou a “boa disposición” tanto dos grupos municipais como dos representantes sindicais “para chegar a acordos comúns” en “un asunto tan importante como é a seguridade dos nosos traballadores”.
Discussion about this post