La empresa Carrís Hoteles fixo pública a súa intención de reiniciar a actividade no estabelecemento que xerencia na cidade de Ferrol, o Hotel Almirante, tras mantelo pechado e a todo o persoal nun ERTE fraudulento durante un ano, dende abril de 2022. A día de hoxe a situación do inmóbel «non pode ser máis desfavorable á apertura», denuncian os sindicatos, debido «a un total deixamento no mantemento do edificio por parte da empresa durante o ano de peche». Neste senso, a CIG-Servizos salienta que o inmóbel precisa agora dunha «posta a punto profunda», retirando a roupa das camas e substituíndoa por outra nova, colocando as portas rotas froito dos intentos de roubo acometidos, revisar sistemas de electricidade, fontanería e facendo limpeza a fondo de todas as instalacións.
Para tal cometido a empresa informou á delegada de persoal, das intencións da empresa de ir desafectando paulatinamente a todo o persoal para ir adiantando os labores de posta a punto do hotel. «Non podemos esquecer a situación de precariedade á que Carrís Hoteles condenou o persoal, esgotando as súas prestacións por desemprego na espera de que a empresa tomase a decisión de reactivar a actividade, e non importándolle o máis mínimo a situación pola que as traballadoras e os traballadores tiveron que pasar durante o ano de inactividade, empurrando á busca de emprego para poder subsistir mentres a empresa mantiña inxustificadamente o ERTE no tempo», denuncia Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
Rodríguez avanza que a situación que se aprecia «non é doada», tendo que reiniciar a actividade dende cero, cunha marxe de tempo mínima, «e cun persoal doído polo comportamento que a empresa tivo con el». A CIG permanecerá alerta a calquera incidencia que se poida dar durante o período de recuperación da actividade produtiva.