O goberno local de Ferrol someterá ao pleno da corporación o vindeiro luns, 27 de abril, a aprobación inicial das subvencións nominativas de Benestar Social e Igualdade e a convocatoria e as bases reguladoras das axudas a autónomos e pequenas empresas para paliar os efectos tanto económicos coma sociais da epidemia de coronavirus.
A sesión, que se celebrará de forma telemática, quedou fixada para as 19.00 horas. Onte fixéronse as primeiras probas para comprobar o correcto funcionamento dos sistemas e o mesmo luns, ao longo do día, repetiranse. O Centro de Recursos Informáticos habilitou os medios para que poidan participar os 25 edís.
Ademais das medidas de apoio ao tecido económico da cidade, que os catro grupos municipais estiveron debatendo e consensuando a través dos seus voceiros durante as últimas semanas, a sesión tamén deberá votar unha modificación de créditos necesaria para afrontar os gastos derivados destas iniciativas motivadas pola crise do COVID-19.
Discussion about this post