O servizo de salvamento nas praias ferrolás comezará a funcionar este sábado, 27 de xuño, a mediodía. Tras a finalización de todas as probas de selección e para elixir un coordinador de praias e responsables de casetas, os 45 socorristas do Concello de Ferrol serán os primeiros da comarca en comezar a traballar este ano. Antes da declaración do estado de alarma debido á covid-19, estaba previsto que puideran facelo a mediados de mes, pero a situación e epidemia causou unha dilatación no inicio da selección de persoal.
Entre o luns e o martes desta semana, mentres se realizaba a proba escrita para elixir aos responsables dos socorristas e o tribunal avaliaba os resultados, a concellería de Servizos instalaba as casetas móbiles nas praias que non contan con instalacións fixas. O servizo prestarase ata o domingo 27 de setembro.
En paralelo, o departamento que dirixe a concelleira Ana Lamas vén realizando durante as últimas semanas reparacións e substitucións de elementos deteriorados, instalación de duchas sanitarios portátiles e traballos de roza e limpeza. O pasado martes, Lamas recolleu as bandeiras azuis que este ano lucirán de novo Doniños, Esmelle, San Xurxo e A Fragata, e que se izarán nos próximos días.
Discussion about this post