O Concello de Ferrol acaba de pór en marcha unha nova medida económica que o goberno local viña estudando dende a declaración do estado de alarma para paliar os efectos da epidemia de COVID-19 entre o tecido económico da cidade. Onte á tarde quedou listo un decreto polo que os negocios que non poidan desenvolver a súa actividade pagarán polo recibo da auga e do lixo o importe mínimo que permite a normativa vixente, 28,19 euros. En principio, a medida afectará a marzo e abril, aínda que podería estenderse no tempo se o Goberno non levanta as restricións antes de que remate este mes.
O decreto firmado polo rexedor recolle que, dado que o peche de numerosos locais ten lugar forzosamente, estes deben pasar a considerarse en situación de “sen actividade”, o que implica a súa baixa na taxa de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais, tal e como contemplan as ordenanzas municipais. Isto leva aparellados cambios de tarifas na taxa de saneamento e na de recollida de residuos, ademais da exención tanto da taxa de tratamento deresiduos (canon de Sogama) coma do canon da auga da Xunta de Galicia. E dicir, unicamente aboarán os mínimos de 5,79 euros polo saneamento sen actividade e o importe reducido de 22,40 pola recollida de residuos sólidos urbanos.
A factura non incluirá os consumos de auga ante a imposibilidade de realizar as lecturas dos contadores debido á epidemia, e entendendo que para os negocios pechados deben ser gastos prácticamente inexistentes, polo que facturar un importe estimado sería sempre prexudicial para o usuario. No caso de que se rexistrase un mínimo consumo, compensarase en futuros recibos.
Prazo de solicitude
A mencionada baixa na taxa de abastecemento debe ser solicitada de forma telemática polo
interesado. O prazo do que dispón para facelo rematará o próximo 30 de abril (inclusive). Terá que acreditar ante Emafesa, mediante o epígrafe do IAE, entre outra documentación esixible, o peche efectivo do local debido ao estado de alarma. Para facelo, é necesario que se dirixa á dirección de correo electrónico [email protected], aos números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou ao fax 981 300 148. O número de locais dados de alta neste servizo supera a día de hoxe os 3.200, que pagan unha
media de 142,30 euros.
Aprazamento dos cobros correspondentes aos atrasos
O decreto firmado onte polo alcalde contempla tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso é con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares. Esta decisión adóitase debido ás “excepcionais circunstancias” e para non agravar máis a situación económica dos cidadáns.
Este decreto únese ao aprazamento da práctica totalidade das obrigas fiscais, á suspensión de taxas coma a de terrazas e á elaboración dun plan de apoio a pemes e autónomos que se financiará con dous millóns de euros procedentes do remanente de tesourería.
Mato lembrou que decretar a situación de non actividade dos establecementos que tiveron que pechar as últimas semanas é de xustiza, posto que desa maneira redúcese todo o posible un dos seus gastos fixos. O rexedor explicou tamén que a posta en marcha desta medida analizouse detidamente para acadar unha total seguridade xurídica, xa que se dispoñía de tempo suficiente antes de que se comezase a pasar ao cobro o recibo de Emafesa
Discussion about this post