A Policía Local de Ferrol levou a cabo onte 138 controis a vehículos e viandantes, segundo informou o xefe do corpo na reunión de coordinación de Seguridade celebrada esta mañá no Concello coa presencia do alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro desa área, Germán Costoya. Do total, 96 das comprobacións
corresponderon a vehículos que circulaban pola vía pública, a cuxos condutores non se lles impuxo ningunha sanción. Dos 42 peóns aos que se identificou, tres foron denunciados. Dous deles por camiñar cos seus cans pola praia de Doniños.
Tal e como comprobaron os axentes, non tiñan o seu domicilio nas inmediacións, ao contrario do que recolle a excepción contemplada para pasear mascotas. Desde a Policía Local lembran que estes percorridos deben facerse o máis preto posible da vivenda. A outra persoa denunciada foi un home que deambulaba pola rúa da Igrexa ás dúas da madrugada sen poder xustificar a súa presenza na vía pública.
Os axentes municipais tamén se viron na obriga de impoñer unha sanción ao responsable dun café situado no mercado de Recimil. O establecemento estaba a servir aos seus clientes na barra.
Accidente na rotonda de Basanta
En canto ao accidente ocorrido esta madrugada, en torno ás seis, na rotonda de Basanta, o traballador do servizo de limpeza que resultou lesionado foi trasladado ao hospital e confirmouse que o seu estado non reviste gravidade. O sinistro produciuse ao incorporarse á FE-13 dende a AP-9 un turismo, que chocou coa varredora mentres esta circulaba pola rotonda.
Foi necesaria a intervención dos bombeiros para sacar ao traballador do interior da máquina. A Policía someteu ao condutor do turismo a probas de alcohol e drogas, que en ambos casos deron resultado negativo. O home dirixíase ao seu traballo.
Discussion about this post