A Policía Local detivo a noite do martes ao mércores, sobre as 23.00 horas, a un home que provocou un accidente de tráfico múltiple na rúa Deporte cando se saíu dunha vía e posteriormente chocou contra dous turismos que se atopaban correctamente estacionados.
Nun primeiro momento o causante do accidente non se detivo e abandonou o lugar sen facilitar a súa identidade. Foi localizado minutos despois na rúa Illas Gabeiras logo de chocar nese lugar contra outro turismo ben aparcado. Posteriormente puido pescudarse que xa golpeara tamén a outro vehículo na rúa Inferniño.
O conductor arroxou un resultado positivo nas probas de alcoholemia de 1,02 mg/l de aire expirado, catro veces máis que o permitido (0,25 mg/l). A súa embriaguez era tal que ao saír do vehículo caeu sobre a calzada provocándose unha ferida na cabeza pola que tivo que ser asistido polo 061. Dado que o conductor non estaba de acordo co resultado da proba solicitou unha análise de sangre, polo que foi trasladado ao CHUF onde foi atendido pola ferida.
Na noite do martes tamén se estableceu un control de alcoholemia e drogas na intersección das rúas Españoleto e Rochel, desde as 01.00 e as 03.30 horas. Dos 27 conductores verificados, dous foron denunciados. Un pola vía penal por conducir baixo a influencia de alcohol superando a taxa de 0,60 mg/l e outro pola vía administrativa por arroxar unha taxa superior á permitida pero inferior á penal.
A noite rexistrou outro accidente de tráfico sobre as 05.30 horas. Un veciño chamou ao 092 ao comprobar que un conductor atopábase golpeando a outros vehículos que estaban aparcados mentres trataba de estacionar entre eles na rúa Fontaiña. Sería localizado minutos máis tarde por unha patrulla da Policía Local e sometido ás probas de alcoholemia arroxando un resultado positivo de 0,94 mg/l. Tramitáronse dilixencias ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria.
Discussion about this post