Ao longo do día de onte, os catro corpos que desempeñan as funcións de seguridade cidadá e seguridade viaria en Ferrol e Narón estableceron un dispositivo de control de vehículos co fin de verificar o cumprimento da prohibición de realizar desprazamentos inxustificados entre a poboación.
En concreto, a coordinación e colaboración entre a Policía Local de Ferrol, a Policía Nacional, a Policía Local de Narón e a Garda Civil estivo principalmente orientada a evitar viaxes con motivo da ponte de Semana Santa. O operativo levouse a cabo en dúas quendas, de mañá e tarde, en puntos da FE-13, da FE-14, a FE-15, a AP-9, a AG-64 e a estrada de Castela. Na primeira foron controlados 1.169 vehículos. A gran maioría deles circulaban correctamente, xa que solo se impuxeron 5 sancións. Na segunda parouse a 831 condutores, e neste caso detectáronse 12 infraccións.
A Policía Local de Ferrol actuou en ambos casos conxuntamente coa Policía Nacional. Tanto pola mañá como pola tarde, axentes de dos dous corpos estableceron controis na rotonda da FE-13 sobre a AP-9, en Basanta, e na saída da cidade polas Pías. Segundo se avanza dende a concellería de Seguridade esta vixiancia estenderase “incluso de forma máis exhaustiva” ao longo destas festividades, tanto polo día como pola noite, que, polo que se vén detectando, é un momento que quenes se saltan as medidas de confinamento aproveitan especialmente para desprazarse de forma inxustificada.
Ademais destas 17 denuncias, a Policía Local, á marxe dos controis de vehículos en coordinación
cos outros corpos, propuxo para sanción a dúas persoas máis por incumprir as restriccións que
figuran no decreto de estado de alarma.
Discussion about this post