Desde que o pasado sábado se decretase o estado de alarma, as persoas unicamente poderán circular polas vías de uso público en casos moi concretos e sempre por razóns xustificadas. A merca de alimentos, medicamentos e artigos de primeira necesidade, a asistencia ao centro de saúde ou ao hospital, ir e volver de traballar, acudir valerlle a familiares que o necesiten, por causas de forza maior ou situación de necesidade ou para repostar. Estas son algunhas das excepcións que se contemplan nun Real Decreto estatal que ten como obxectivo reducir ata onde se poida as posibilidades de contaxio.
Neste sentido, as Policías locais e a Garda Civil están realizando nos últimos días numerosos controis nas vías de toda a zona cunha misión moi clara: garantir que a xente permaneza na casa e que só se desprace por algún dos supostos previstos na normativa extraordinaria, que permanecerá en vigor durante alomenos dúas semanas con posibilidade de prorrogarse durante máis tempo.
Esta mañá estivemos cos efectivos do posto de San Sadurniño no control que se estableceu na rotonda do Outeiro, onde conflúen dúas das principais vías de comunicación do concello. Segundo comentaba o sarxento José Antonio Lobeiras, responsable do dispositivo, desde que se decretou o Estado de Alarma “estamos movéndonos constantemente para verificar que se cumpre o decreto e informar sobre a obriga de permanecer na casa por razóns sanitarias”.
A misión non é doada. Malia que a maior parte da xente está concienciada e cumpre co establecido, aínda hai casos que saltan a norma por descoñecemento ou por non ser plenamente conscientes da gravedade da situación.
Vímolo hoxe cunha persoa que ía desde Cobas (en Ferrol) con destino a Moeche. Cando un dos axentes lle preguntou a onde se dirixía, o condutor, de idade avanzada, respostoulle que ía “buscar patacas da semente. As que hai en Cobas non me gustan e eu sempre fun buscalas a Moeche. Xa teño a terra preparada para plantalas”, indicou o home. O axente recordoulle de boas maneiras a prohibición de circular pola vía pública debido á situación de alerta en que nos atopamos e pediulle que regresase para a casa. O home deu a volta na mesma rotonda do Outeiro e volveu por onde viñera.
“Os casos que máis atopamos son os de persoas maiores” que ou non saben ou non son conscientes do que implica a limitación de movementos, apuntaba pouco despois o axente, ao tempo que o sarxento ao mando engadía que o seu labor está sendo principalmente informativo pero que, chegado o caso, poden impoñerse sancións se non se respecta o confinamento ou se non se atenden as ordes.
Outra das situacións frecuentes que se están atopando son a de máis dunha persoa circulando dentro dun mesmo vehículo. O Real Decreto que da forma a este estado de alarma di que os movementos deberán “facerse individualmente”, coa excepción de que se estea acompañando “a persoas con discapacidade ou por outra causa xustificada”. Ademais, no punto 3 do mesmo artigo 7 tamén se apunta que “en calquera desprazamento deberán respetarse as recomendacións e obligacións ditadas polas autoridades sanitarias”, unha delas a de gardar alomenos un metro de separación para evitar contaxios -tal e como se aplica noutros supostos recollidos na normativa- e que no interior dun coche “é imposible de cumprir”.
A cuestión é que o Real Decreto marca múltiples razóns para poder desprazarse que poden utilizarse como argumento diante das forzas da orde sen que haxa unha maneira inequívoca de que estas poidan comprobar a súa veracidade. “Non é obrigatorio levar ningún tipo de xustificante”, sinalaba esta mañá o responsable do posto de San Sadurniño, engadindo, sen embargo, que nunca está de máis presentar documentos acreditativos que amparen a necesidade dun desprazamento, como pode ser, por exemplo, o resgardo unha cita médica.
En calquera caso, e segundo insistían os efectivos da Garda Civil, “o máis importante é aplicar o sentido común” na liña de non facer desprazamentos que non sexan realmente necesarios e de cumprir con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.
Discussion about this post