Mato pídelle á Xunta que manteña as axudas ao xeodestino Ferrolerra-Rías Altas

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Ferrol representou aos 21 concellos da zona na reunión telemática coa directora de Turismo de Galicia
51381946_2039897549419951_7528456733581115392_o

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e alcalde da cidade, Ángel Mato, participou esta mañá na reunión telemática que Turismo de Galicia mantivo cos diferentes xeodestinos da comunidade galega. Mato, que representou na xuntanza aos 21 concellos do xeodestino Ferrolerra-Rías Altas, trasladoulle á directora da axencia autonómica, Nava Castro, varias propostas.

En canto ás subvencións para a promoción turística, propúxolle que se manteñan aínda que haxa que modificar as accións que se van levar a cabo, debido á crise creada pola epidemia de COVID-19. Por outra banda, defendeu que os eventos de interese turístico que houbo que cancelar por ese motivo e os que se van cancelar durante os próximos meses deben contar con especial apoio tamén este ano, coa intención de que a difusión que se lles poida dar agora sirva para adiantar e reforzar a promoción futura.

Durante o encontro, Castro avanzou que a Administración autonómica está a elaborar un manual de medidas para a reapertura de servizos turísticos, polo que convén que o sector agarde a dispoñer desta información antes de aventurarse a acometer inversións a ese respecto. Tamén informou da oferta de formación para profesionais do sector e sobre as liñas de financiamento do Igape.

Relacionadas