Preocupación entre a veciñanza de Covas tras unha nova desaparición nas súas costas este pasado domingo 20 de setembro. Un home de 59 anos propio de Freixeiro, en Narón, está a ser buscado polo litoral desta parroquia tras desaparecer desde que saíra a faenar ás 15.00 horas da tarde, pero non se dera o aviso ata a noite dese mesmo día. Segundo fontes familiares o desaparecido é un afeccionado á pesca que percorre dende hai moitos anos toda a costa de Ferrolterra practicando este deporte.
A única pista que se coñece ata o momento é o vehículo do mesmo, atopado nas proximidades da cetárea de Covas, a zona por onde se están a despregar unha gran cantidade de unidades de emerxencia e que sirve como punto loxístico para todos os dispositivos en acción. Tamén a este punto desprazáronse hoxe os familiares do home para intentar coñecer algo de información de primeira man.
Unha gran e constante procura do desaparecido
Os principais dispositivos de axuda que están a colaborar na súa búsqueda comezaron os labores xa en plena noite e continuan traballando incesantemente esta mesma mañá. Tal e como informan dende o Centro de Salvamento Marítimo da Coruña, participan propios medios de Salvamento así como outras administracións para prestar apoio como son a Policía Local, Policía Nacional, Protección Civil e os Bombeiros de Ferrol.
Pola noite o helicóptero Helimer 402, a Salvamar Betelgeuse e a patrulleira da Garda Civil Río Jallas rodearon todo o litoral -desde Cabo Prior ata as costas de Meirás- en procura do achado ou de novas pistas que ata o momento non apareceron.
Xa esta mañá acudiron os GEAS -Grupo Especial de Actividades Subacuáticas- do Servicio Marítimo da Garda Civil para sumarse ao dispositivo de búsqueda -facilitado polas augas calmadas- para intentar atopar ao home o máis rápido posible.