O Concello de Narón solicitou ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía ( IDAE) dúas subvencións no marco do programa operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020.
A alcaldesa da cidade, Marian Ferreiro, avanzou que un dos proxectos subvencionables a través do Ministerio de Transición Ecolóxica é para a renovación da iluminación pública da cidade, orzado en 283.295 euros, e o outro para a rehabilitación da envolvente térmica do Centro Municipal de Formación Irmáns Froilaz, por un importe de 372.063 euros.
O proxecto para a renovación da iluminación que se aposta por cofinanciar a través de fondos europeos -226.636 euros Feder e 56.659 restantes o Concello- complementará os traballos que se están executando desde hai uns anos desde o goberno local para mellorar a eficiencia enerxética. Os 430 puntos de luz que se substituirían con cargo a esta intervención están situados en áreas de interconexión entre zonas industriais e zonas urbanas, así como viarias de acceso xeral entre núcleos.
A actuación levaría a cabo na estrada da Gándara, na rúa Ferrol, en Piñeiros, nas inmediacións da glorieta do polígono da Gándara xunto ao ramal da AP-9 cara ao Couto, na estrada superior á urbanización do Couto, no polígono de As Lagoas, en Río Seco, no vial de acceso a Río do Pozo e na rúa Bimbieiro. “A través deste proxecto apostamos por substituír os equipos de iluminación instalados neses puntos, de lámpadas e equipos de descarga, por outros novos de tecnoloxía led, que estimamos que supoñerán un aforro enerxético do 75% e unha considerable mellora nos índices de iluminación, reducindo a contaminación lumínica e incrementando a seguridade pública e viaria”, asegurou Ferreiro.
En canto ao proxecto para a rehabilitación da envolvente térmica do Centro Municipal de Formación Irmáns Froilaz, na Gándara, con cargo ao mesmo programa acometeríanse as obras necesarias para mellorar as condicións térmicas de habitabilidade no mesmo e a eficiencia enerxética das instalacións.
“Confiamos en poder obter estas axudas europeas para acometer estas dúas actuacións, moi importantes e necesarias na nosa cidade, e que permitirán dar continuidade a un importante traballo iniciado hai varios anos desde o goberno local e ao que reservamos destacadas partidas económicas nos orzamentos municipais”, apuntou Ferreiro.
Discussion about this post