O Concello de Narón anunciou a entrada en funcionamento dun novo servizo dirixido á cidadanía para a atención telefónica a persoas maiores do termo municipal que viven soas. Trátase dun servizo dirixido aos veciños e veciñas de máis de 75 anos, que recibirán unha chamada de persoal do Concello para saber como se atopan e se precisan algún tipo de axuda do Concello.
Ao longo de cada mañá, un equipo integrado por persoal funcionario do Concello encárgase de realizar as chamadas telefónicas seguindo un listado e do que forman parte as persoas maiores da zona urbana e rural maiores de 75 anos e que viven soas.
“Ao contactar con estas persoas, a maiores de interesarse polo seu estado de saúde e posibles necesidades, o persoal informa á veciñanza sobre outros servizos disponibles no Concello tras decretarse o estado de alarma”, apuntou a alcaldesa Marián Ferreiro. Entre estes últimos están o dos voluntarios de Protección Civil que ofrecen axuda para realizar a compra de alimentos e medicamentos e levalos ao domicilio, o de comedor do Centro de Maiores das Vivendas da Mariña e tamén outros como a habilitación de vales para alimentos ou a entrega de cubrebocas a domicilio.
Discussion about this post