O Concello de Narón reactivou dúas actuacións que se mantiveron varios días paralizadas tras decretarse o estado de alarma: a construción do campo de fútbol de herba artificial xunto ao estadio de Río Seco e a segunda fase de humanización das Vivendas da Mariña. En conxunto, suporán un investimento duns 700.000 euros.
O campo de fútbol de herba artificial constrúese nunha parcela localizada xunto ao estadio de Río Seco e terá unha superficie de 100 metros de lonxitude e 63 de ancho, reservándose 97 metros de longo por 60 de ancho para a superficie de xogo. O proxecto ofrecerá a posibilidade de reducir a actividade do campo de herba natural, cunha elevada demanda que en ocasións fai que o terreo non se atope nas condicións óptimas polo continuo uso.
A medida que se plantexa dende o goberno local é reservar o uso do campo de herba natural para disputar partidos de categorías superiores, fomentando o uso do de herba artificial para o resto de partidos e adestramentos. A actuación suporá un desembolso de algo máis de 400.000 euros, que se cofinancian entre a Deputación da Coruña e o Concello de Narón a través do POS+2019.
A segunda das actuacións que se retomou hai uns días é a da renovación de beirarrúas e pavimentos das Vivendas da Mariña, que se executa con cargo a unha partida das arcas municipais que ronda os 300.000 euros. “Trátase da segunda fase desta intervención e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade, dando a máxima prioridade ao peatón sobre o tránsito de vehículos e na que tamén incluímos novos servizos, como unha rede de recollida de augas pluviais”, apuntou a alcaldesa Marián Ferreiro.
As obras desta fase execútanse nun tramo da rúa Alfonso X O Sabio, no vial paralelo á estrada de Castela e nas rúas Illa de San Vicente e Illa da Coba e, xunto coas realizadas na fase anterior suporán un investimento de case 500.000 euros para renovar por completo este barrio da cidade construído hai uns 60 anos”.
Discussion about this post