O Goberno permite consumir no interior de bares e restaurantes en núcleos de menos de 10.000 habitantes

Ademáis, a nova orde publicada hoxe no BOE amplía os permisos para pasear en familia a todo o termo municipal e en compañía
César Galdo
César Galdo

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe unha nova orde que alivia en parte as restricións do Estado de Alarma, nomeadamente as referidas á mobilidade e ás condicións de apertura da hostalaría. Nos concellos cunha poboación inferior aos 10.001 habitantes ou unha densidade inferior a 100 habitantes por kilómetro cuadrado xa non será obrigatorio restrinxir os paseos en familia a un máximo de un quilómetro arredor da casa e, ademais, todas as persoas convivintes poderán saír xuntas dar unha volta.

Por outra banda, no caso dos bares e restaurantes, teñen permitido desde xa mesmo atender no interior dos locais, aínda que sen empregar a barra e sen superar o 40% das mesas. O anuncio estatal afecta a tódolos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, agás os de Ferrol, Narón, As Pontes, Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Pontedeume e supón adiantar un alivio das restricións que chegaría o próximo luns, coa máis que segura entrada de Galicia na Fase 2 da desescalada.

O BOE refírese en primeiro lugar ao desprazamento da poboación infantil e á práctica da actividade física non profesional indicando que no caso dos municipios por debaixo de 10.001 habitantes e baixa densidade de poboación xa non serán de aplicación as franxas horarias, algo que xa se viña aplicando na meirando parte dos núcleos das comarcas.

A novidade está en que agora os paseos dos nenos e nenas menores de 14 anos xa non está limitado a un máximo de tres menores na compaña dun adulto, senón que poderán saír xuntas todas as persoas convivintes no mesmo domicilio. Tamén se amplía a distancia, que pasa de 1 quilómetro ao redor da casa a todo o territorio municipal. Mesmo se poderá chegar a outro municipio dando o paseo, sempre sen superar os 5 quilómetros de distancia do domicilio e sempre que se trate dun concello limítrofe pertencente á mesma provincia e nas mesmas circunstancias.

Cómpre recordar que segue en vigor a prohibición de coller o coche ou o transporte público para ir dar unha volta a outro municipio, algo que nos últimos días moita xente pasou por alto nas comarcas de Ferrolterra.

Bares e restaurantes, tamén no interior

As orde publicada no BOE tamén adianta uns días as condicións de apertura para bares e restaurantes. Desde a semana pasada poden atender nas terrazas ata un máximo do 50% da súa ocupación e, desde hoxe, os locais hostaleiros tamén poden atender no interior: máximo nun 40% do aforo, mantendo as distancias e sen poder servir na barra.

De feito, o Artigo 18 da orde ministerial que regula ese aspecto di literalmente: «o consumo dentro do local unicamente poderá realizarse sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e preferentemente mediante reserva previa. En ningún caso se admitirá o autoservizo en barra por parte do cliente. Asimesmo, estará permitido o encargo no propio establecemento de comida e bebida para levar».

Segue en vigor todo o demais: máximo 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas, distanciamento social e medidas hixiénicas reforzadas. O anuncio do BOE causou certa sorpresa nas cafeterías e bares que hoxe abriron con servizo de terrazas e dúas horas despois, tras revisar a publicación oficial, tamén permitiron a entrada de clientela nun local con menos mesas das habituais e coa barra clausurada.

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.