O Sergas finaliza a primeira parte do estudo de seroprevalencia do Covid-19 en Ferrolterra

Os resultados analizaranse nos próximos días polo Instituto Galego de Estatística para a obtención da información precisa por áreas territoriais e grandes núcleos poboacionais
DSC_2150

A Consellería de Sanidade acaba de finalizar a primeira parte do seu estudo autonómico de seroprevalencia, iniciado o pasado 23 de abril, que con carácter autonómico analiza a circulación do virus SARS- Cov2 dentro da poboación galega en todo o territorio.

Os resultados analizaranse nos próximos días polo Instituto Galego de Estatística para a obtención da información precisa por áreas territoriais e grandes núcleos poboacionais. Fai falta remarcar que o total de persoas que se someten ao test nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal foi de 3.200, das cales 1.500 foron só na cidade de Ferrol.

Os obxectivos deste estudo realizado polo departamento sanitario galego son os de estimar a prevalencia fronte ao COVID-19 en Galicia, nas súas comarcas ou grupos de comarcas e nos concellos; así como explorar a prevalencia da inmunidade fronte ao coronavirus por sexo e grandes grupos de idade, ademais de monitorar a evolución da epidemia no tempo, coa recollida de información en dúas ondas.

O número de mulleres da mostra supón o 49,19% e o dos homes o 50,81%. No que se refire á idade, os menores de 19 anos son o 15,84%; entre os 20 e os 64 anos son o 58,59%, e os maiores de 65 anos co 25,28% do total.

Relacionadas